Escoitar tamén é coidar
Hoxe, 10 de outubro, falamos de saúde mental. Pero desde a ANPA de Sar queremos que esta conversación non quede nun día marcado no calendario.
Porque detrás de moitos silencios hai preocupacións. Detrás de cambios de comportamento pode haber malestar. E detrás dun «estou ben» ás veces hai alguén que non sabe como pedir axuda.
Na adolescencia, aprender a recoñecer o que sentimos, poder falar sen medo e saber que hai persoas dispostas a escoitarnos pode marcar a diferenza.
Por iso, reivindicamos máis prevención, máis acompañamento e máis recursos para coidar a saúde mental dos nosos mozos e mozas. E tamén máis ferramentas para as familias e para toda a comunidade educativa.
Non podemos esperar a que o sufrimento sexa visible para actuar.
💙 Preguntar, escoitar, acompañar e pedir axuda tamén é coidar.
Desde a ANPA queremos seguir contribuíndo a crear unha comunidade na que ningún rapaz, ningunha rapaza e ningunha familia teña que afrontar o malestar en soidade.
Porque falar de saúde mental é falar de persoas.
E coidar a saúde mental é responsabilidade de todas e todos.



