En galego agora e sempre, ese é o lema da plataforma Queremos Galego, coa que estamos dende os seus alicerces, e coa que nos identificamos de cheo.
En galego agora e sempre é unha frase bonita, unha clara declaración de intencións, e un desexo de futuro rotundo que compartimos. Nós, as nais e pais do alumnado do Ensino público deste País queremos que, agora e sempre, se poida estudar, relacionarse e vivir en galego; queremos que as nosas fillas e fillos falen na nosa lingua en calquera situación e con calquera compañía. Non hai debate no noso desexo.
E o día 17, de seguro que haberá miles de persoas na concentración que se fará en Compostela, na que estaremos dun xeito activo, e todas esas miles de persoas estaremos falando galego e reclamando políticas de defensa e agarimo da nosa Lingua. Vai ser bonito, e convidámosvos a asistir e participar.
Daquela, temos xa un bo desexo, un momento que compartir e unha mensaxe forte, agora só falta ter quen escoite o que demandamos, falta quen traballe dende as institucións e os gobernos, de todos os tamaños e ámbitos, faltan orzamentos, e programas, e iniciativas.
Pero tamén falta a xente, porque que o galego cae no uso e no maxín da xuventude non é simplemente consecuencia do desleixo dos gobernos, ou mesmo das súas políticas activas en contra da normalización lingüística; esas son indiscutíbeis e levan feito un dano incuestionábel e inmenso ao noso patrimonio e á nosa historia. Pero cando unha nai, ou un pai, muda a súa lingua de uso para falarlle en español a un fillo coa intención clara de que esa pase a ser a súa lingua nai, cando alguén pon en castelán un anuncio ou un aviso porque pensa que así vai ter mellor lectura, cando non nos detemos a pensar en que idioma está escrito o conto co que agasallamos a alguén, cando ofrecemos un material educativo que non está en galego porque non remexemos un pouquiño máis, ou porque non quixemos pasar o traballo de traducilo, non podemos botarlle a culpa constante e única ás institucións e aos gobernos: algo tamén estamos facendo nós dun xeito equivocado.
En galego agora e sempre é unha frase enorme, das que enchen a boca e as ideas, das que che deixan coa seguranza de que todo está dito; pero quizais tamén sexa unha frase pequena, porque ademais de berrala e sentirnos, con dereito, defensoras da lingua, podiamos ser defensoras cotiáns da nosa propia normalidade, e pedir laranxas na froitaría, ou costeletas na carnizaría, ou presentar a declaración da renda en galego, contestarlle en galego a quen nos pregunte antes de asumir que non o entende, porque probablemente si que o faga, escribir en galego unha lista da compra, ou unha etiqueta dunha conserva caseira…
En galego agora e sempre é unha realidade cotiá, miúda, constante, a que nos fai pedir unha cervexa, ou solicitar unha titoría, máis tamén a que arrodea aos momentos máis solemnes e intensos. Porque todo se pode facer en galego, pero temos que poñernos a facelo. Agora e sempre.
Feliz 17 de maio a todas as galegas e galegos. Lembremos o que festexamos, é grande de máis como para esquecelo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario