DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

 

 

Sempre é sorprendente que volve ser xa 25 de novembro.  Sorprendente polo rápido que pasa o tempo, e sorprendente pola consideración de que un ano máis aínda estamos moi atrás na solución dun problema de enunciado sinxelo, resposta clara e solución altamente complexa.
 

A violencia de xénero é unha contaminación incontrolada do noso sistema de convivencia.  Un lixo interno que provén da pervivencia dunha situación de privilexio dunhas persoas contra outras.  Un privilexio que tenta manterse con unllas e dentes para evitar mirar de fronte á igualdade e á convivencia pacífica, cuxo primeiro chanzo debera estar nos fogares e nas relacións persoais, entre homes e mulleres neste caso.

A nós tócanos defender a solución educativa a estes problemas, pero novamente temos que dicir que falar de educación non é falar de centros escolares, é falar de sociedade, de todos os poderes públicos, de competencias máis que compartidas porque aquí ninguén pode dicir que non lle toca traballar de primeira. Educar quere dicir non permitir as constantes mensaxes que esta sociedade hipócrita está dando sobre a utilización da muller, sobre a súa secundariedade na vida familiar, sobre a sobrecarga que permitimos nelas no coidado das demais, sobre a renuncia constante a traballar colectivamente por un mundo diferente;  no que ser home ou ser muller queden nunha esfera privada que non interfira no laboral, no económico, no social, para que todo iso non volva a lixar o persoal, o humano.
 

Dicir NON á violencia de xénero é dicir NON a un modelo educativo como o que temos.  É dicir NON a pensar que o importante en educación son as ciencias, as matemáticas ou as linguas.  Dicir NON é dicir que hai que educar persoas amábeis, cariñosas, capaces de convivir en paz, de debatir en harmonía e de colaborar sempre coas demais no debullado dun mundo diferente.  Ese no que as nosas fillas poidan confiar como base social do seu futuro que é exactamente o que desexamos todas as nais e pais do mundo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario