DÍA UNIVERSAL DA INFANCIA

 

Na nosa Lei educativa fundamental, logo da modificación do ano 2020, inclúese o "cumprimento efectivo dos dereitos da infancia segundo establecido na Convención sobre os Dereitos do Neno de 1989", como o primeiro dos principios inspiradores do noso sistema educativo.

Resulta sorprendente que este principio se incorpore en 2020 á normativa, e que se indique nel que se recoñece "o interese superior do menor, o seu dereito á educación, e a obriga do Estado de asegurar os seus dereitos".   Resulta sorprendente porque probabelmente a práctica totalidade das persoas adultas que estamos hoxe aquí, e a absouta totalidade das que nos gobernan, pensarán que xa estabamos "tendo conta da xente moza e da infancia". Ese ven sendo o gran problema que temos hoxe en día cos grandes retos educativos, coa atención efectiva ás persoas que están no sistema, coa inclusión, coa igualdade, coa participación do alumnado nos centros públicos, co respecto que lles adebedamos como adultas, familias, docentes e administración.

Os dereitos da infancia son dereitos certos, reais e contrastábeis.  Non serve que fagamos as cousas "polo seu ben", temos que facelas xuntamente con elas, acompañándoas no seu proceso de crecemento dende a perspectiva da consideración da súa realidade e da súa -moito máis grande do que recoñecemos- capacidade de incorporarse a un mundo no que tamén viven, senten e aturan as persoas adultas coas que lles tocou convivir.

Un neno, unha nena, non son nin unha adulta en miniatura nin un proxecto de adulta nin un xermolo en formación porque iso sómolo todas durante toda a vida. Son realidades concretas que están desenvolvéndose ao noso carón e teremos que tratalas como tales.  Sen condescendencia e con respecto.  Sobre todo con moitísimo respecto.


Ningún comentario:

Publicar un comentario