LIBRO DA DIVERSIDADE




 

Un ano mais desde o IES vaise por en marcha a elaboración do terceiro título da Colección Sar, logo de ter editado en cursos anteriores Confinamentos e Abre alas!


A idea inicial é traballar este ano a DIVERSIDADE.


Vivimos nunha sociedade diversa. Unha sociedade na que conviven (non sempre sen problemas) varias culturas, diferentes linguas, distintas orientacións sexuais, múltiples sensibilidades e ideoloxías variadas. A pluralidade é, sen dúbida, unha inmensa fonte de riqueza.


O IES de Sar, reflexo exacto da sociedade actual, é un centro diverso. Temos estudantes que proceden de diferentes países, que se expresan en distintas linguas, con orientacións sexuais diversas, con múltiples sensibilidades… Somos unha comunidade educativa plural, heteroxénea, plenamente consciente de que o discurso social e o progreso deben ser construídos entre todas. Traballamos para que a sociedade do futuro sexa máis aberta, máis receptiva, máis comprensiva e estea máis cohesionada.  Moitos dos estudantes do IES de Sar afirman orgullosos que chegar a un centro onde se respectan as diferenzas, onde non se xulga o que é distinto, onde se alenta a creatividade individual, fixo que se sentisen cómodos e que se expresasen con liberdade. No noso centro, a inclusión non é un discurso teórico, é unha realidade. Unha realidade da que nos sentimos orgullosos.


É por iso que, un curso máis, tentaremos dar ao prelo un libro que recolla os traballos, as inquedanzas, as sensibilidades dun grupo plural e creativo. Un colectivo orgulloso de ser como é, integrado por estudantes, docentes e familias que conviven nesta comunidade educativa co convencemento de que o futuro se mellora sementando no presente e que só cooperando se conseguen os maiores retos individuais.


A idea é implicar ao alumnado, profesores e familias, animándose a participar con textos (prosa, poesía, teatro, ensaio...) escritos en calquera das linguas estudadas no centro (galego, castelán, inglés, francés ou portugués), ou mesmo en calquera das linguas nativas do noso alumnado, sempre que acheguen tradución dos seus textos. A extensión mínima das colaboracións é de 15 liñas e máxima de 3 páxinas.


Dende o centro van implicar nesta iniciativa o fotógrafo compostelán Fuco Reyes, quen está disposto a traballar nun novo proxecto co noso alumnado para elaborar diversos materiais fotográficos que logo sirvan para ilustrar o libro.


Podedes ver unha selección de fotografías do último proxecto que realizou no noso centro o pasado ano neste enlace: https://fucoreyes.es/project/la-escoria-rebelde/


Se finalmente hai moito material, habería que facer una escolla para publicar o que teña maior calidade. A idea é ter editado o terceiro título da Colección Sar a finais de curso.  

📝  Enviar as vosas achegas a estes dous correos electrónicos antes do 30 de marzo:      

👇


Patricia Arias Chachero - Equipo de Dinamización Lingüística

sar.patriciaarias@iesdesar.org


Baldo Ramos - Vicedirección

sar.baldoramos@iesdesar.org



ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!!!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario