Hai que ter coidado coa utilización de verbas como a Paz, e coa idea da Non violencia; quizais de tanto poñelos na palestra estamos moitas veces cosificando a súa mensaxe. Facemos un día da Paz, cantamos, representamos unha obriña de teatro ou elaboramos un mural. Facemos unha celebración, que é algo moi semellante a unha festa, e pasamos a outra cousa. Outro tanto facemos coa Non violencia: actividades, festexos, aseguramentos, e a outra cousa.
Pero a Non violencia e a Paz non son un motivo de festa, nin un lema, ou unha imaxe, ou un vídeo. Que non sobran, pero non abondan. A Paz e a Non violencia son a base social da convivencia, a esencia mesma da nosa evolución como individuos; o cemento dunha sociedade evolucionada na que gustamos de crer que vivimos. A Non violencia é o que queremos ter en cada relación, en cada contacto, en cada amizade. E iso conséguese só se a celebración e o festexo saen do seu día e impregnan a vida toda, se promovemos a constante presencia desa idea básica. Nunca se xustifica a violencia. Nunca se pode autorizar a guerra, a Paz ten que ser a luz de cada mañá da vida das nosas fillas e fillos; a da nosa propia existencia. Celebremos o primeiro día do resto dun tempo de Paz e non violencia, e asumamos que na súa dificultade práctica está tamén o seu valor permanente.