Celebramos o día de Rosalía, con orgullo e afouteza, coa fronte alta e agradecida por termos de noso a máis grande poeta do seu tempo, e a máis grande poeta galega de todos os tempos. Rosalía converteuse polo seu propio mérito, valor e forza na cara visíbel do noso País, e da nosa cultura; hoxe non se concibe Galicia sen Rosalía, do mesmo xeito que ela non podería ser outra cousa máis que galega.
Mais Rosalía non é unha imaxe ventureira, nin unha frase de calendario, temos que coidar de non convertela nun estereotipo publicitario, porque Rosalía está viva nas súas verbas, nas súas miradas, na súa concepción da contorna; con Rosalía atopamos diante de nós un País que aínda latexa por baixo da modernidade de ouropel que marcan estes tempos.
Rosalía é a realidade galega, non ela soa, pero si ela dun xeito senlleiro, da realidade á que temos que voltar de acotío para atoparnos con nós mesmas e avanzar. Porque ela avanzou no seu tempo, co seu traballo e a súa denuncia, moito máis aló do que di unha caricatura ou unha camiseta ca súa faciana.
Emporiso, fagamos grande este día da súa memoria. Lembrémoslle á nosa xente nova que Rosalía forma parte da súa esencia vital, que é moito máis que unha poeta, ou unha revolucionaria, mesmo moito máis que unha muller avanzada e forte. É parte de nós, e así temos que festexala.