DÍA DA LINGUA MATERNA

 

Estes días que pasaron limos unha recente enquisa que indica que xa hai máis xente nova que fala español en Galicia que a que fala na nosa lingua, en galego.

Isto é para nós un enorme motivo de anguria e de tristeza. Porque, malia o interesado discurso dalgunhas, ese non é o comportamento natural da sociedade. Durante centos de anos de escuridade e conquista, o galego permaneceu sendo a base social máis forte do noso País, ata non hai moito, era un grupiño reducido, sempre urbano, sempre economicamente beneficiado, en moitas ocasións non galego, quen falaba exclusivamente en español; que pasou logo?, por que agora a xuventude non fala a nosa lingua?

Hai moita xente que fala mellor ca nós deste problema, mesmo que fixo da súa vida un estudo constante do mesmo, e non imos dar cunha solución en tres parágrafos. Pero non queremos deixar de poñer o dedo sinalando á maior responsábel desta desfeita: foi a administración educativa galega quen desautorizou o galego na ciencia, quen permitiu o seu desleixo nas aulas, que o converteu nunha lingua de ritual e cerimonia, quen introduce de seguido a preferencia doutras linguas estranxeiras para que as nosas fillas e fillos poidan emigrar "con coñecemento", no canto de quedar con seguranza.

A nosa lingua materna segue a ser o galego, porque no tempo das nosas nais, esa era a lingua que se transmitía neste País. Celebremos este día, e fagámolo falando esa lingua de noso, e falándollela ás nosas fillas e fillos. Para que sexa tamén a súa lingua materna. Porque é a nosa, a que nos define e organiza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario