DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2024

 

DÍA DAS LETRAS GALEGAS: Queremos Galego! Galego Vivo, Galicia Viva

Cada 17 de maio, Galicia vístese de gala para celebrar unha das nosas xoias máis prezadas: a lingua e a literatura galegas. O Día das Letras Galegas é unha data memorable que homenaxeamos a grandes escritoras e escritores que contribuíron a enriquecer o noso patrimonio cultural. Neste día non só rendemos homenaxe a Luísa Villalta, apaixonada e comprometida con Galicia, senón que tamén renovamos o noso compromiso coa nosa terra, a nosa lingua e a nosa cultura. Porque ser galega vai máis aló dun espazo da nosa xeografía; é un estado emocional; un sentimento que latexa con forza en cada unha de nós.

Dende a Confederación ANPAS Galegas e dende a ANPA de Sar, queremos  compartir o lema  "Queremos Galego! Galego Vivo, Galicia Viva", da Plataforma Queremos Galego da que sempre fomos parte. Para nós este ano a celebración cobra un significado especial ao destacar a importancia de manter viva a lingua e, con ela, a identidade e a riqueza cultural do noso país.

Ao facernos eco do lema da plataforma, tamén queremos facer un chamado á acción e á reflexión sobre a vitalidade do idioma galego. É máis que unha proclama; é un recordatorio de que o galego non é só un idioma ou unha lingua, senón un piar fundamental da nosa identidade e da diversidade da nosa cultura e das nosas xentes.

Neste Día das Letras Galegas, unha vez máis, queremos lembrar que a nosa lingua é parte fundamental do que somos, e que debemos seguir traballando xuntas para garantir a súa presenza forte no futuro e o seu recoñecemento cheo no presente. O idioma galego é moito mais que un vehículo de comunicación, é a expresión máxima do sentimento de pertenza e orgullo cara á nosa terra. Conservar a lingua é tamén aceptar a nosa ampla diversidade lingüística, como un patrimonio que nos enriquece coas súas múltiples voces e expresións.

Defender Galicia, a súa lingua e a súa cultura, é máis que un deber; é unha expresión de ledicia e gratitude cara a nosa terra. Falar de Galicia é falar con emoción e agarimo, conscientes do legado que herdamos e do compromiso que temos de mantelo vivo para as xeracións futuras.

Este día é outro máis no uso e na defensa do galego, pero ten de especial a necesidade de que serva para que reflexionemos sobre a responsabilidade de manter e entregar a nosa lingua e a nosa cultura ás novas xeracións. Á xente nova que, coa súa creatividade e talento contribúe de acotío a enriquecer e manter vivo o idioma que falamos e sentimos.

Xa que logo, neste Día das Letras Galegas, levantemos as nosas voces honrando á nosa lingua, a nosa literatura e a nosa cultura. Celebremos xuntas tódolos días, e comprometámonos a seguir escribindo xuntas e falando xuntas a nosa propia lingua. Sigamos adiante con orgullo e determinación!!   "Queremos Galego! Galego Vivo, Galicia Viva" 

Ningún comentario:

Publicar un comentario